
Cantante, compositora e pedagoga vocal lucense centrada no rock, lírico e música tradicional galega.

Podes atoparme en
BIO
Sara Nebra (1990) comezou a súa andaina musical de nena, nunha actividade extraescolar no colexio Paradai na que aprendeu a tocar a pandeireta e certas nocións de baile tradicional. Na adolescencia actuou con varios grupos de música tradicional de Lugo (Cántigas e Frores e Cantar das Eiras) e coa Escolanía do Orfeón Lucense (o coro da Catedral de Lugo). Nesta etapa xa forma parte da escena local de rock e metal con bandas coma M’82 ou Janie’s Gun (finalistas no Airiños de Rock’n Roll 2011). De adulta foi cantante en Muddy Doll, e corista de La Penúltima Sabinera e Batital.
Dende o 2013, forma parte do Orfeón Lucense, como soprano lixeira e solista. No ano 2020 asume a codireción do mesmo xunto a soprano Silvia Nadela, pero de xeito temporal. No curso 2025/2026 repite como directora do coro.
No 2019 participa na ópera bufa O loro de Carlos V de Nani García, como membro do coro. O singspiel, con libreto de María Inés Cuadrado e deseño de Miguelanxo Prado, contou coa participación da Orquestra Sinfónica de Galicia e cos intérpretes Helena Abad, Borja Quiza e Francisco Corujo.No ano 2020 crea o seu proxecto musical máis persoal : NEBRA, no que é compositora, cantante, teclista e letrista. Trátase dunha fusión de melodías inspiradas no folklore con sons propias da electrónica, o ambient ou o rock industrial.NEBRA foi finalista nos Premios Martín Códax da Música 2022.
Neste ano foi corista, xunto a Iria Estévez, de Pilocha no Ciclo Pioneiras da Música Galega en Pilocha: Alecrín e outras flores.Posteriormente, foi Soprano 1 no Music for 18 Musicians de Steve Reich con Vertixe Sonora.
No ano 2025 participou na gravación de O noso canto de Belém Tajes, xunto a un fermoso grupo de mulleres instrumentistas e cantantes, nun proxecto colaborativo creado para o Día Internacional da Muller.
Despois, cantou como soprano solista en ZOAR (7̶O̶∆̶R̶). Trátase dun proxecto multidisciplinar con música de Davor Vincze que combina performance, música, mapping e robótica da man dun equipo internacional formado por Metamaps Workshops, Fronte Vacuo, Taurin Barrera, Xoán Xil López, Samuel Swope, Carlos Castro, Saúl Puga, Brianna Lau Wing Yi, Jiafang Weng y Karen Yu, baixo a direción artística de Roberto Trillo e Peter AC Nelson. A estrea foi no MIHL (Museo Interactivo da Historia de Lugo).Paralelamente á súa carreira artística, Sara Nebra posúe un Mestrado en Profesorado de Educación Secundaria (Debuxo e Artes) e conta con máis de 10 anos de experiencia como docente.
Deu clase en Fábrica de Sons (Lugo), Escola de Música Músico Crisanto (Rábade) e Escola de Música Moderna (Monforte). Actualmente traballa en Cántigas e Frores (Lugo), en Rock School Coruña e na ESMUVI (Asociación Cultural Escola de Música de Vilalba).Ademais é contacontos, deseñadora gráfica e ilustradora.
Vocalmente, formouse con especialistas en canto e acompañamento como Janet Salinas, Lorena Doval, Jose Antonio Campo, Sheila Blanco, Pilocha, Cristina Mora, Anna-Maria Hefele, Carmen Subrido, Jesús Blanco, Luz Alonso, Eve Cornelius ou Chadley Ballantyne. Tamén ten a titulación do Conservatorio Profesional na Especialidade de Canto e titulación de Rockschool.



